Feet - Foro de edición e tipografía, 2010
As diferentes estratexias e soportes utilizados hoxe en día no eido da edición servirán de base para a reflexión neste foro, que se desenvolverá entre os días 2, 3, 4, 16, 17 e 18 de decembro na Casa das Campás en Pontevedra.
Organizado pola Asociación Galega de Deseñadores, feet 2010 foro de edición e tipografía, pretende continuar coas reflexións, discusións e liñas de investigación abertas sobre este tema desde plataformas distintas como o Proxecto-Edición (realizado en Galicia entre 2006 e 2008), o Werkplaats Typografie (en Holanda), Rumbos de Edición (na Arxentina) ou a oficina do cego (en Portugal).
O obxectivo de todos estes eventos foi crear redes de traballo e investigación sobre publicacións que se estaban a desenvolver no campo da arte, do deseño e da tipografía. Con este mesmo ánimo encaramos este foro en Pontevedra, porque a edición é un tema de plena actualidade no que se están a producir cada vez máis novidades.
A información e os medios están cambiando continuamente. O que onte era ficción hoxe queda obsoleto, e os e-books son tan reais coma o papel, cunha potencialidade inmensa como arquivo.
Sen dúbida ningunha, convertéronse no medio de documentación por excelencia. Mais, no que respecta ao goce dos sentidos e ao pracer, resulta difícil competir coa simplicidade dunha folla de papel. Un soporte, que a pesar das enormes transformacións tecnolóxicas, non mudou tanto en relación coas producións de Gutenberg.
Neste momento, a edición –contra todas as previsións e agoiros pesimistas– está máis vixente ca nunca, e quizais nunca antes se lle prestou tanta atención a cada un dos elementos implicados no proceso: os contidos, a tipografía, os materiais, a forma, o tacto, o cheiro... Acaso somos máis conscientes da edición en papel?
Nós investimos horas, ilusións e esforzos en organizar este evento. O noso traballo está feito. Agora tócavos a todos vós aproveitar esta plataforma de reflexión e intercambio participando nela.
Enmárcase Feet no proxecto Creativa, programa cultural interdisciplinar levado a cabo conxuntamente pola Axencia Galega das Industrias Culturais e a Direccão Regional de Cultura do Norte co financiamento dos fondos FEDER da UE, e pertencente ao Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.
fanzinecolores: #AZUL
fanzinecolores: #AZUL
Noemí Díaz Patiño
Eva Morell
Galicia
fanzine
fanzinecolores nace coa intención de promover o traballo de artistas emerxentes, novos creadores e aqueles consolidados mediante unha proposta peculiar: a partir dunha cor créanse as obras que formarán parte dun fanzine trimestral e monográfico, a través das súas colaboracións.
Hai tantos artistas coma cores podemos inventar, por iso creamos este espazo para eles; e así, este pequeno proxecto nace desde unha idea e coa ilusión de que se converta en algo permanente, incluso máis alá do papel e de internet.
Título do primeiro numero: #AZUL
n.º páxinas: 44
Encadernación: cunha goma de cores (cada exemplar leva unha diferente)
Fanzinecolores é unha idea de:
Noemí Díaz Patiño
Eva Morell